Ourense


De Viana do Bolo a Vilariño de Conso por Quintela do Pando e regreso.


Esta ruta está referenciada tamén en Wikiloc e no espazo web Portas de Galicia (enlace; http://www.turgalicia.es/presentacion-do-centro-btt-portas-de-galicia), coa denominación "Conexión Vilariño - Viana do Bolo". Recoméndase esta ruta para bicicleta de montaña, pero polo seu recorrido (16 km) e dificultade, pódese perfectamente facer andando, coa conseguinte ventaxa de poder apreciar mellor os contidos desta ruta.
Iniciamos esta ruta en Viana, cruzamos a ponte que vai a Vilariño e comenzamos a subir pola estrada. A 2 km atopamos á dereita o cruce que vai a Quintela. Podemos coller "atallos" que nos deixen no lugar. Metémonos pola rúa principal, pasando a igrexa de Santa Isabel hai un cruce á esquerda que vai ao cemiterio. Collemos por el, seguimos en dirección Norte, hai un indicador BTT, e xa o camiño vai baixando, cada vez con máis desnivel, cara o embalse (río Conso).
O camiño métese nunha preciosa carballeira moi tupida pola beira do embalse. Quizais sexa esta a parte máis bonita da excursión. Son perto de 5 km metidos na carballeira.
Chegamos á ponte de Santa Mariña. Chegados aquí, temos dúas opcións. Podémonos manter pola vertente dereita do río Camba e seguir ata a Subestación Eléctrica de Conso, para conectar coa estrada que vai a Viana por Fradelo. A outra opción é pasar a ponte, cruzado o embalse, o camiño sube un pouquiño ata unirse á estrada que vai a Santa Mariña. Collemos á esquerda, cara a Vilariño (son un pouco máis de 3 km). Chegado ao cruce da ponte, podemos ir ao centro de Vilariño ou cruzar a ponte e ir cara Viana por Fradelo.

Testemuña gráfica:

Ponte sobre o Bibei saíndo de Viana cara Vilariño.
Vista hacia o Sur, desde Quintela, co Bibei e o Camba.
Vista ao Sur, coa Cabeza Grande e o Picouto no horizonte.
Poste indicador da Ruta 10 de Portas de Galicia.
Vista ao Norte, á dereita o camiño que inicia a baixada.
Ponte de Santa Mariña e Montes do Invernadoiro ao fondo.
O río Conso xúntase ao Bibei
Seco testigo doutros tempos ...
Río Conso
Ao fondo, Santa Mariña.
Camiño costaneiro que vén desde Buxán ao encoro.
O Picouto, ponte de S. Mariña e parroquia de S. Mariña.




Ruta das telleiras (Viana do Bolo).

Esta ruta está referenciada  no espazo web Portas de Galicia (enlace; http://www.turgalicia.es/presentacion-do-centro-btt-portas-de-galicia), coa  mesma denominación. Dada a nula dificultade e a  escasa lonxitude da ruta, esta pódese facer perfectamente andando. Dependendo das variacións que fagamos, o recorrido oscila entre os 10,5 e os 12 km.
A ruta recibe este nome porque recorre algunhas barreiras onde se extraía arxila.

Descrición:
É irrelevante iniciar esta ruta pola ponte de Vilariño (dirección Oeste) ou hacia o Sur (dirección A Gudiña).

Se collemos pola estrada que vai a Vilariño de Conso, pasando a ponte, ímonos atopar con varias (3) pistas de terra que desembocan na estrada pola esquerda. Nós collemos a que ten un indicador BTT. É unha pista ancha e coidada que bordea o embalse (río Camba) pola marxe esquerda. Pódese acceder ao embalse por varios puntos.

A pista desemboca na estrada que vai a Bembibre. Temos que coller á esquerda, atravesamos a ponte que cruza o embalse e conectamos coa estrada que vai a A Gudiña á altura do cruce que ascende ata a aldea de Caldesiños.
Chegados aquí e se estamos dispostos a subir un bo desnivel por unha pista asfaltada de case 2 km, podemos visitar as "Médulas de Caldesiños". Como o seu nome indica, foi unha zona de extración aurífera na época do Baixo Imperio, empregando o sistema de ruina montium.
O que nos queda do recorrido é seguir a estrada OU-533 ata Viana (5 km). Se queremos facer máis interesante este treito, podemos coller pola estrada vella, que está a un nivel inferior á actual. Esto só é posible se o nivel do embalse é baixo. Hai que estar atentos aos posibles cambios de nivel, pero sempre poderemos trepar hacia a estrada actual, aínda que non sempre é doado. Hai que saber que por moi baixo que estea o embalse, a estrada vella acaba mergullada na auga e teremos que chegar a Viana pola nova.

Ver zona da ruta en Google maps:

Testemuña gráfica:
Polas dúas pontes pasaremos para facer esta ruta.
Xa metidos na ruta, a 200 m da estrada de Vilariño.
Nun dos accesos ao embalse.
Estrada OU-533 e por baixo a antiga estrada.
Conexión da pista de terra coa estrada de Bembibre
Estrada vella e, ao fondo, Médulas de Caldesiños.
Na parte alta das Médulas
Zona de conexón da estrada vella coa OU-533
A estrada vella asulagada polo embalse
Río Camba, ao frente á dereita, Quinteliña.
Vista cara ao S.E, coas Médulas e o Testeiro ao fondo.
Bonito recuncho do encoro desde As Ladeiras.



Val glaciar do río Cenza, desde Vilariño de Conso.


Ruta fácil e cómoda que vai por estradas asfaltadas e anchas pistas. Hai que contar co desnivel de ascenso que é de 600 m (dos 750 m de Vilariño ata os 1.340 no azude do encoro do Cenza). A distancia entre Vilariño e o azude do embalse é dun 12 Km. Se engadimos os 11 km do perímetro da ribeira do encoro dános un total de 35 km.
Saímos do centro de Vilariño de Conso e baixamos un pouco ata coller a OU-0701, estrada que enlaza Vilariño con Manzaneda. Aos 3 km de recorrido collemos un cruce á esquerda, deixado cara o nordeste a parroquia de San Cristobo. Aos 5,5 Km atopamos outro cruce, cara a dereita lévanos a Chaguazoso e se seguimos recto pasamos por riba da parroquia de Castiñeira. Os dous camiños levan ao mesmo sitio. Se seguimos recto, iremos por  estradas asfaltadas ata o encoro, se imos por Chaguazoso, ao saír do lugar e ata o azude do encoro, iremos por pistas de terra.
Unha vez no embalse, podemos apreciar os potentes filóns de seixo que atravesan o granito e o gneis, proba das enormes presións ao que se viron sometidos os materiais pétreos nesta zona do Macizo Central. Tamén podemos percorrer o perímetro do embalse, darémonos de conta entón da desfeita paisaxística, etnográfica e ambiental que supuxo a instalación deste embalse na cabeceira do río Cenza, o val glaciar mellor conservado de Galicia.
Augas abaixo do embalse, pero perto del, atópase un "Foxo do lobo". Típico foxo de valados en cruz e foxo central. Os valados están moi deteriorados e insinúanse pola vexetación. Pola marxe esquerda do río Cenza e ata a parroquia de Chaguazoso (a parroquia de máis altitude de Galicia), discurre a principal morrena do extinto glaciar, aínda que nos desmontes feitos para facer as estradas da zona, vemos restos da morrena.


Testemuña gráfica:
Vilariño de Conso 
Castiñeira
Paisaxes ásperas
Presa do Cenza
500 m de azude
O Cenza augas abaixo do encoro
Vista do embalse hacia o NO
Potentes filóns de seixo no granito
3 en liña: Picouto, Testeiro e Aguallal
Chaguazoso
Penedo en Chaguazoso
Morrena descuberta ao abrir a estrada
O Cenza augas arriba de Castiñeira
San Cristovo
Outeiro do Picouto e Médulas de Caldesiños detrás
Mar de nubes en Castiñeira
Foxo do lobo
O embalse e, ao fondo ao NE, Pena Trevinca.
Vista desde a cabeceira do encoro co Testeiro e o Aguallal
Antigo curro descuberto pola baixada de nivel da presa
O río Cenza augas arriba do encoro

No hay comentarios:

Publicar un comentario